ROTEIROS

  • ROTEIRO DAS MOURAS
  • SALCEDO NO TEMPO
  • SETE CAMIÑOS

Co aquel de axudar a pór en valor o rico patrimonio na contorna do río do Batán, así como algún dos importantes xacementos arqueolóxicos que hai na  nosa parroquia e, sobre todo, revalorizar e divulgar o importante patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo o antropñologo Rafael Quintía deseñour un roteiro que bautizou co nome de “Roteiro das Mouras”, pois o seu percorrido transcorre entre aquelas xeografías míticas da parroquia onde as mouras teñen o seu máxico hábitat. Unhas topografías marabillosas conformadas polos petróglifos do Mato das Cruces e do Outeiro das Mouras, polo célebre castro das Croas, pola ponte do Batán (acubillo de tesouros) e polos muíños cheos de historias que adobían este regato que, nacido nos cumios de San Martiño e entre campos tumularios, dá de beber ó río Tomeza.

O ROTEIRO DAS MOURAS

Lendas, etnografía, arqueoloxía e natureza nun roteiro máxico pola cultura e as terras de San Martiño de Salcedo

serpe

O roteiro das Mouras é un percorrido cultural que pretende unir e pór en valor parte do rico patrimonio etnográfico, arqueolóxico e inmaterial da parroquia de San Martiño de  Salcedo.  Esta rota, que xira en torno ás moitas lendas de mouras que posúe esta parroquia pontevedresa, parte do Monte das Croas, antigo castro protagonista da famosa lenda da moura do monte das Croas, recollida por José Casal y Lois alá polo 1866 e que sería publicada e popularizada na obra de Leandro Carré Alvarellos “Las leyendas tradicionales gallegas”. A moura das Croas habita nun pazo soterrado baixo o castro e na súa encantada morada garda grandes tesouros e alfaias.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tras a visita ao castro, emprendemos a nosa andaina visitando os muíños do Batán, un conxunto de muíños —magnífico exemplo da tecnoloxía preindustrial— de grande interese etnográfico ancorados no fermoso treito do río Batán, ou Outeiro, que discorre entre a AP9 e a ponte do Batán, baixo a cal, segundo a lenda, se agocha tamén un fabuloso tesouro encantado.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Monte das Croas,

Ponte do Batán,

Fonte de clara auga fría

Monte de Samariné,

Tiran co ouro as ovellas

E non saben ó que é.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Os muíños do Batán son un conxunto formado por catro muíños de rodicio horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vamos deixando os muíños atrás mentres percorremos o frondoso tramo de río  ata chegar á autoestrada, onde tomaremos unha pista de terra que discorre a carón da AP9 e que, tras un treito de subida, nos conducirá ata o barrio da Esculca, onde poderemos visitar os petróglifos de Mato das Cruces (+42° 23′ 35.43″, -8° 38′ 40.74″).Esta máxica peneda rupestre está habitada por fermosas mouras que, á parte de iren ao fiadeiro a bailar, tamén tiñan por costume pór a clareo as súas roupas sobre esta laxe gravada.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Dende a Esculca podemos dirixirnos cara ao lugar de Birrete e volver ao monte das Croas, onde rematariamos o percorrido, ou optar por un percorrido máis amplo encarreirando os nosos pasos cara ao barrio da Armada.

DSC_4656

Xa na Armada tomaremos a pista que, circundando o recinto da Brilat, conduce ao Outeiro das Mouras ou Chan das Mouras. (+42° 23′ 23.13″, -8° 39′ 54.68″).Neste lugar do monte comunal de San Martiño podemos visitar os valiosos petróglifos do complexo rupestre de Regato dos Buratos ou Outeiro da Mina, e que tan fermosas lendas atesoura.

DSC_1246

Mouras encantadas que se converten en serpe, mouras que encerran tesouros baixo as penedas, máxicas laxes ocas e indestrutibles… todas se dan cita neste lugar.

DSC_1243

O roteiro continua baixando polo camiño veciñal que cruza o antigo campamento urbano da Brilat, cruzando o lugar do Navalexo ata a Armada e  percorrendo as marxes do río Cubela, chamado tamén Outeiro ou Batán,

DSC_1270

No lugar do Outeiro podemos gozar doutra importante mostra de muíños de grande valor etnográfico e que foron restaurados entre os anos 2012-2013 polos veciños de Salcedo. Seguindo a beira do río, adobiada con cinco muíños, chegamos de novo á  mítica ponte do Batán.

E aquí, aos pés do non menos mítico castro do Monte das Croas, damos por finalizada a nosa andaina na procura das mouras que aínda habitan nas lendas e nas xeografías da parroquia de San Martiño de Salcedo.

 

DATOS TÉCNICOS:

Punto de partida: Monte das Croas

+42° 23′ 46.69″, -8° 39′ 4.34″

42.396302, -8.651205

Dificultade: baixa

Distancia: 2-4 km segundo o percorrido

Tempo estimado:de 1 a 3 horas, segundo a rota

roteiro das mouras

Mapa: João Bieites

Debuxo moura: F. Sutil

Fotos e textos: Rafa Quintía

O “ROTEIRO DAS MOURAS” NO DIARIO DE PONTEVEDRA

Posted on 12 Novembro 2013 by asombradebouzapanda

O pasado sábado 26 de outubro publicouse no Diario de Pontevedra un especial sobre os Roteiros Temáticos do Patrimonio Rural.

Velaí a referencia ó “Roteiro das Mouras”, un dos roteiros que deseñei para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da parroquia de Salcedo.

roteiros1

Un dos treitos do Roteiro das Mouras que transita polas fragas do río do Batán serviu para ilustra-lo especial sobre os roteiros de Ponetevdra.

20131026P040

DESCARGA A NOTICIA EN PDF:

ROTEIRO DAS MOURAS (2)

roteiros2

Na foto superior, contando a lenda da moura do Monte das Croas.