A COMUNIDADE


A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo  é a entidade da parroquia responsable da xestión,  a protección e a defensa dos montes comunais dos que é titular e do patrimonio que conteñen, forestal, arqueolóxico, etnográfico paisaxístico e cultural. A Comunidade ten plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins e a defensa dos seus dereitos, sobre o monte e os seus aproveitamentos, así como para a súa administración e disposición.

Os propietarios do monte son os veciños comuneiros polo feito de residir na parroquia, adquirindo tal condición unha vez que  a Asemblea Xeral aproba a súa admisión e se inscribe no rexistro do censo de comuneiros, a partir dese momento ten un serie de dereitos e obrigas que están contemplados nos Estatutos da Comunidade e na Lei de Montes Veciñais en Man Común.

 

CLASIFICACIÓN DOS MONTES DE SALCEDO


Os montes comunais de Salcedo foron clasificados como tales en varias etapas, e salientable a loita dos veciños da parroquia para a recuperación do seu monte. A primeira clasificación como monte veciñal en Man Común a realizou o Xurado Provincial o 4 de maio do 1982. Nesta clasificación foi excluída a parcela do Común de San Martín de 173,5 ha. que era aproveitada  dende 1898 polo Exercito, xa que foi doada polo Concello de Pontevedra. No ano 1982 foron clasificados como Monte  Veciñal en Man Común de Salcedo, as parcelas de Matalobos, Castro, As Croas, Caeiro,  Monte Armada e Pardecelas cunha cabida total de 18,7 ha. Os veciños presentaron inmediatamente un recurso no que se solicitaba a clasificación do Monte San Martiño, recurso que foi desestimado polo Xurado Provincial. No ano 1992 se clasificaron dúas sesións independentes, as parcelas de Esculca e a Costa de 4,89 ha. 0,816 ha. respectivamente, facendo un total de 24,406. Ha. de superficie clasificada ata esa data.


En outubro  do 2010 se inicia un proceso de reclamación por vía xudicial do Común de San Martín ocupado por Defensa (Base Xeneral Morillo) con unha superficie de 32,5935 ha. (zona de infraestruturas da Base) e 139,9162 ha.(zona campo de manobras militares). O 20 de setembro de 2011 o xulgado de 1ª Instancia nº 4 de Pontevedra dita sentencia favorable os comuneiros. O día 21 de decembro de 2012 a Audiencia Provincial de Pontevedra declara sentencia firme por auto a favor da Comunidade de Montes.

Finalmente o 16 de xullo de 2014 se firma un convenio entre a Comunidade de Montes e o Ministerio de Defensa onde previo pago de un canon anual, a Comunidade cede o uso temporal de 71,33 ha. a Defensa para o mantemento da Base Militar no actual asentamento. Actualmente a Comunidade de Montes de Salcedo ten clasificadas 196,915 ha. de monte comunal.

 

OBXECTIVO

 

A Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo pretende ca creación desta Páxina Web, convidarvos  a viaxar de forma virtual polo territorio da nosa Parroquia para coñecer os valores naturais, patrimoniais e culturais, a nosa historia, as actividades que foron desenvolvendo as distintas xeracións de veciños e os aconteceres de interese que  promovan unha sociedade máis sensible a valorar mellor a riqueza do noso entorno.