PATRIMONIO INMATERIAL

SAN BRAIS, AVOGOSO DOS MALES DA GORXA


san brais



San Brais, avogoso dos males da gorxa
Rafael Quintía Pereira 
Á romería de San Brais, no barrio do mesmo nome en Salcedo, acoden cada ano centos de fieis na procura da divina intervención do santo para curar as súas doenzas, fundamentalmente, de gorxa. Na capela de san Brais había costume o día do santo de ir medir o pescozo cun cordón de cera que depois se deixaba ardendo a xeito de exvoto. O contacto con esta sorte de cadea de cera garantía a protección anual do devoto fronte ós males da gorxa. De igual xeito se fai noutras ermidas da contorna dedicadas a este santo. Tamén é costume pasar panos pola imaxe do santo co aquel de “impregnalos” do seu poder divino e protector. Estes panos logo son levados para a casa como poderosos amuletos, pois estiveron en contacto directo co sacro.



Pero, de onde lle vén ao santo esta fama de avogoso para os males da gorxa? Botemos man da súa haxiografía para esclarecer este peculiar vínculo. Brais de Sebaste, San Brais, foi médico e bispo de Sebaste, na Capadocia, actual Turquía.  Viviu como eremita nunha cova situada no monte Argeus e era coñecido polo seu don  para a curación milagrosa pola imposición de mans, praxis que exercía con todo aquel que se lle achegase, fose persoa ou animal. Conta a tradición que salvou a vida dun neno que se estaba a afogar debido a unha espiña de peixe que se lle atravesara na gorxa. A raiz deste episodio pasou a ser considerado avogoso para as doenzas de gorxa. De feito hoxe é patrón dos laringólogos. Esta sería tamén a orixe do costume de bendicir as gorxas o día da súa festa o tres de febreiro.

san brais



A ermida de San Brais de Salcedo, localizada sobre un outeiro na faldra do Monte dos Penedos —antigo asentamento castrexo—,  constitúe un verdadeiro santuario, un lugar sacro e de peregrinación onde cada ano acoden miles de devotos, uns en acción de grazas ou penitencia polos milagres e dons recibios do santo, e outros na procura da ansiada intervención de San Brais para sandar as súas doenzas ou para que se lle cumpran as súas demandas e rogativas. O santuario de San Brais pendúrase protector sobre a vila de Pontevedra, ancorado no remate da cordal do Morrazo. Unha cordal sacra, inzada de túmúlos megalíticos e que comeza no fabuloso santuario galaicorromano do Facho de Donón e poderiamos dicir que remata no santuario cristián de San Brais de Salcedo.

san blas


 
A pequena pero fermosa ermida de San Brais foi erixida en honor ao culto a San Brais, de aí a súa posición preferente na fachada do templo, nun fornelo sobre a porta principal. A ermida de San Brais, orientada coa súa cabeceira cara ao nacente —a Xerusalén celestial—, é un templo de estilo gótico, cuxa orixe non está moi clara pero da que  si se sabe que foi, cando menos,  remodelada no século  XVIII, pois no seu interior figura unha inscrición co ano 1762 como data fundacional.

capela san brais


 
Para o bo observador estou certo de que algo chamará a súa atención na fachada do templo. A ambos os dous lados da espadaña e nos remates superiores das esquinas da fachada figuran dúas esculturas de pedra. A da esquerda corresponde a Santo Antón Abade acompañado do seu porco, considerado o santo protector dos animais domésticos e unha das advocacions máis importantes do santoral tradicional galego, algo comprensible nunha sociedade tradicional rural e campesiña como era a nosa. A estatua da dereita representa a imaxe dun santo bispo non identificado. Esta rica e infrecuente ornamentación da fachada nunha ermida destas características hai que atribuíla, posiblemente, á reutilización de imaxes provenietes da desaparecida ermida dos Santos, localizada en Mollabao. Malia que non puiden verificar documentalmente este feito, estudando as láminas antigas que hai sobre aquela antiga ermida de Mollabao pódese comprobar como o templo estaba rodeado de columnas coroadas con imaxes de santos dunha feitura moi similar os que vimos de describir, algúns dos cales pobablemente foron reinstalados na veciña ermida de San Brais.

os santos

 


 
Os Santos de Mollabao (1906). Obra de Federico Alcoverro López
Así que quen se achegue este ano á ermida de San Brais en Salcedo poderá —quizais— curar dos males da gorxa, coñecerá un dos santuarios con máis devoción do noso concello e, se é observador, poderá descubrir, quen sabe, o que queda daquela hoxe esquecida ermida dos Santos. De paso, se adiviña a quen representa a estatua do santo que enfeita o lado dereito da fachada pois mellor que mellor. Xa sexa por fe ou por interese en afondar no coñecemento antropolóxico do noso pobo coido que como plan para un domingo de inverno non está mal. Aí queda, pois, a proposta.

SALCEDO E A COPA DA ÚLTIMA CEA
Posted on 7 Outubro 2012 by asombradebouzapanda

San Martiño de Salcedo é unha das parroquias pontevedresas máis ricas en patrimonio arqueolóxico e artístico. Boa mostra destes tesouros son os seus cruceiros, monumentos que xa foron obxecto de estudo por parte do ilustre Castelao, como así aparece recollido na súa mítica obra As cruces de pedra na Galiza.


 Hai un cruceiro en Salcedo que destaca pola súa beleza e riqueza artística. Refírome ó cruceiro do Palacio, unha magnífica obra de estilo barroco, construído orixinalmente no 1802 pero que tivo que ser reconstruído en 1997 despois de que fose esnaquizado polas obras de ampliación da estrada de Vigo.  Hoxe, o cruceiro atópase pasada a Misión Biolóxica e a carón da antiga tabacaleira e da fonte e lavadoiro que alí hai. O seu varal está adobiado por imaxes de virxes e santos pero é a súa cruz o que máis chama a atención, pois xunto ó Cristo crucificado e ós seus pés figura a imaxe de Xosé de Arimatea recollendo nun cáliz o sangue que mana da ferida de lanza que o nazareno presenta no seu costado. Velaí unha representación do Santo Graal, do copo milagreiro que recolleu o sangue do fillo de Deus, o elixir da eterna xuventude buscado por cabaleiros e cazatesouros dende hai case dous mil anos.

Cruceiro do Palacio
Pero non é o único cruceiro de Salcedo onde se representa este bíblico episodio. Existe outro, non dos máis coñecidos pois pola súa localización coido que é privado,  situado no lugar do Pino, ó pasa-lo barrio da Ponte do Couto e xusto a carón da estrada de Vigo. Este segundo cruceiro é unha réplica case exacta do do Palacio, Santo Graal incluído. Pero aínda podemos volver  atopar unha terceira representación do sagrado cáliz. Esta vez cómpre achegarse ó cemiterio parroquial. Alí, sobre o magnífico mausoleo da familia De la Sota, unha escultura de muller alza o Graal cara ó ceo. É esta unha representación escultórica alegórica a unha das tres virtudes teologais: a fe, que adoita representarse como unha muller cos ollos vendados e que suxeita na súa man esquerda unha cruz e na súa man dereita un cáliz. Un cáliz que sempre é o mesmo, a icona  daquel que Cristo utilizou na última cea cos discípulos.

Panteón da familia De la Sota
É certo que existen varios cruceiros en Galicia onde aparecen Xosé de Arimatea e Nicodemus descravando e baixando a Cristo da cruz. Esta é unha escena que podemos ver, por exemplo, no famoso cruceiro de Hío. O que xa non é tan frecuente é que se represente o intre da recollida do seu sangue e, xa que logo, da creación da reliquia por excelencia da cristiandade: o Santo Graal, e menos aínda que nunha parroquia cunha decena de cruceiros en dous deles figure representado tan mítico episodio. Seica os canteiros que traballaron en San Martiño tiñan especial predilección pola sagrada reliquia da copa da eucaristía e do sangue de Cristo.

Cruceiro do Pino ou barrio do Couto
Moitos foron os que andaron á procura do sagrado cáliz, así como moitos son os lugares da Terra candidatos a albergar tan magnífico tesouro, entre eles a catedral de Valencia, á que chegou en 1437 por mandato do rei Afonso V, O Magnánimo, despois dun longo periplo dende a súa saída de Roma no ano 258 e o seu posterior traslado a España por orde do Papa Sixto II, ou, cando menos, iso contra a tradición. Os galegos, como non podía ser doutro xeito, témo-lo noso particular Graal, o Santo Graal do Cebreiro. Se ben, este magnífico Graal non sería aquel da última cea no que se recolleu o sangue do Resucitado, senón que tería a súa orixe no famoso milagre acontecido no Cebreiro aló polo século XIV cando durante a eucaristía o viño se converteu en sangue e o pan en carne de Cristo.

Santo Graal do Cebreiro
Malia que o sangue de Cristo e o seu máxico e griálico contedor nunca estiveron en Salcedo, cando menos que se saiba, o que si descansa nesta parroquia pontevedresa, coma se dunha verdadeira reliquia se tratase, é o corazón do arcebispo Malvar. O clérigo de Salcedo quixo que o seu corazón repousase para a eternidade na terra que o viu nacer e así foi como en 1795, e cumprindo as súas últimas vontades, o seu corazón foi trasladado dende Compostela ata a igrexa parroquial de San Martiño onde se conserva dentro dunha urna de chumbo que se garda noutra de bronce na Capela Maior do templo. Alí, na parede do lado do Evanxeo xunto á caixa que conten o seu corazón figura a seguinte inscrición:

Igrexa de San Martiño de Salcedo
Aquí yace el corazón del Exmo. Señor D. Fray Malvar y Pinto, nació y se bautizó en esta parroquia, tomó el hábito de Nuestro Padre San Francisco de la Menor Observancia, en Salamanca a 5 de marzo de 1747. Fue Doctor y Catedrático de Teología en aquella Universidad. Obispo de Buenos Aires, Arzobispo de Santiago, Caballero, Prelado, Gran Cruz de la Real y distinguida Orden Española de Carlos III. Hizo a sus expensas el camino desde el Puente Valga al de San Payo. Falleció con general sentimiento en su palacio de Santiago a 25 de septiembre de 1795. De edad de 64 años, diez meses y un día. Se trasladó el corazón a este panteón el 17 de octubre del mismo año.

Pazo do arcebispo Malvar
Pero volvamos ó tema do Graal. Contábase, cando menos dende que Chrétien de Troyes o fixera famoso na Europa medieval do século XII coa súa obra Perceval, que o Santo Graal tiña a propiedade de proporcionar alimentos sen límite a todos aqueles que estaban libres de pecado, tamén podía curar tódalas feridas e sanda-los enfermos.  Esta especie de máxica cornucopia e amuleto milagreiro ten o seu paralelo na nosa cultura tradicional en forma de corno da besta unicorne, isto é, o alicorno ou licorno. O alicorno é o amuleto máis poderoso da medicina popular galega, e podo dar boa fe diso pois ó seu estudo adiquei seis anos. O licorno cura tódolos males da pel, especialmente a pezoña, protexe da acción do maligno, purifica as augas e incluso hai quen xura que fai milagres.

Alicornio ou corno de unicornio
Non dirán que non é un verdadeiro Santo Graal e, ademais, deses alicornos si que temos en Salcedo. e en Marcón, e en Tomeza, e en Mourente, e en Xeve e en case tódalas parroquias do concello de Pontevedra. Uns amuletos sandadores que aínda están activos nas nosas parroquias pontevedresa, e cuxo uso se estende ó tratamento de todas aquelas doenzas cutáneas que “non son de médico”, especialmente o mal da pezoña. Así que, malia a que o cáliz da última cea non recalou na parroquia pontevedresa de San Martiño, por moito que o teñamos representado nos nosos cruceiros, non debemos por iso entristecernos, pois témo-la santa reliquia do corazón do arcebispo Malvar e o noso máis potente e milagreiro obxecto de poder: o alicorno e iso si que é un tesouro digno de conservar e protexer, tanto como os cruceiros e toda a nosa cultura tradicional.



O autor no mosteiro de San Juan de la Peña (Aragón) , xunto á réplica do Santo Graal de Valencia 

 

Petróglifos con lendas en San Martiño de Salcedo

Posted on 17 Xuño 2010 by asombradebouzapanda

Existen na parroquia de San Martiño de Salcedo (concello de Pontevedra) un conxunto de petróglifos —o catalogado como Grupo Nº 5 dos petróglifos de Outeiro da Mina— coñecidos como Pedra do Fundamento ou Pedra da Moura. Estas pedras gravadas teñen unha lenda de mouros asociada que poiden recoller dun veciño de Salcedo unha mañá que casualmente paseabamos polo lugar. A lenda recollida di así:
“A xente conta que na Pedra da Moura habitan dúas mouras moi fermosas que se convertían en serpes. Din que estas damas belidas gustaban de ir á festa, como o común dos mortais, e cando regresaban para o monte acompañadas dalgún mozo, pois a súa fermosura era engado para acompañantes, ó chegar un pouco antes da devandita pedra parábanse e non deixaban que os mozos as acompañaran máis aló. Un día un destes pretendentes non fixo caso e seguiunas ata a pedra e cal foi a súa sorpresa cando viu que as mouras que acompañara esa noite se transformaban en serpes arrepiantes e desaparecían na peneda. Tamén contan que outra vez unha destas mouras díxolle ó seu pretendente que era víctima dun feitizo e que debía axudala a romper co pesado encantamento. A moura díxolle ó rapaz que a seguise ata a pedra e que pasase o que pasase non se asustara. Así fixo o mozo, pero tan pronto chegaron á pedra, a moura transformouse en serpe e amosouse ante el con tal repugnante fasquía e un caravel nos beizos. O rapaz asustado saíu correndo sen cumpri-la súa promesa de axuda-la a se desencantar”.

Pero estes máxicos penoucos tamén gardan outra lenda. É a que fai referencia o conxunto rupestre de Regato do Buratos, en concreto sobre o grupo rupestre Nº 2 formado por unha grande lousa de granito a ras de chan con abundantes cazoletas aliñadas que se sitúa sobre a calzada dun antigo camiño Contan os veciños da zona que cando se ía co carro ó monte en busca de toxo, ó pasar por riba da pedra, sentían un estrondo tremendo baixo os seus pés, como se a pedra que pisaban estíbese oca por dentro. Este insólito fenómeno asociábase ó feito de que nese mesmo lugar se aparecesen as mouras, o que axudaba a reforza-la crenza de que se trataba dun lugar especial.

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.

O “ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS” XA É UNHA REALIDADE

Posted on 4 Xuño 2015 by asombradebouzapanda

Onte, no local da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, en Pontevedra, anunciamos en rolda de prensa a inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

 

Despois de anos de traballo e ilusión o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños xa é unha realidade.

 Atrás quedan os seis anos de esforzos e dedicación nos que a Comisión Técnica para a creación de este espazo traballamos a reo para artellar os elementos arqueolóxicos e etnográficos desta contorna nun roteiro atractivo, meses de traballo de campo e documental para dotar a este espazo de contidos materiais e inmateríais de grande interese cultural. Quedan atrás os múltiples roteiros que organizamos para dar a coñecer á cidadanía a riqueza deste lugar natural que compartimos os veciños do Morrazo e de Pontevedra.

6

Perduran na nosa memoria os dossieres entregados ás Administracións , nalgún caixón perdido andarán, as reunións mantidas coas comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e San Xulián que felizmente decidiron tomar as riendas deste proxcto e facelo realidade.  Deixamos tamén o legado dun documentario sobre os Sete Camiños, que  se presentou no Teatro Principal de Pontevedra en xaneiro de 2012, e que reflicte en imaxes os tesouros naturais, arqueolóxicos e antropolóxicos deste lugar.

capa-dvd-sete-camic3b1os-copia

Pasaron xa cinco anos dende que o 16 de abril de 2010 a Comisión Técnica do Espazo presentara o proxecto ante a prensa e ante os representantes dos colectivos sociais e culturais que apoiaban esta novidosa iniciativa.

Dende abril deste ano a empresa A Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio estivo desenvolvendo os traballos de sinalización da ruta coa colocación de paneis explicativos de cada elemento e os correspondetes postes de seguimento de ruta.

Tamén se elaboraron  trípticos do roteiro, unha páxina web e unha magnífica guía-catálogo nos que tiven o pracer de traballar. Por se faltaba algo, a ruta está dotada de códigos QR cos que poder realizar un percorrido autoguaido a través da extensa información dixital disponible na web.

 escanear0011

escanear0013

Por fin este domingo 7 de xuño de 2015 inauguramos o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños cunha andaina  que sairá ás 10:00 horas dende a área de lecer do Pornedo, a carón do cruce do Regueiriño, na estrada de Figueirido. Estades todos convidados, pois este espazo é de todos e para goce de todos.

20150503_171611

Existen trípticos do roteiro disoñibles no concello de Pontevedra, concello de Marón, oficina de turismo de Pontevedra e no parque arqueolóxico de Campo Lameiro. Xa non hai disculpa para non vir coñecer o novo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

11270313_10153080136823393_8982168721306612202_o 

escanear0014

COMUNICADO DAS COMUNIDADES DE MONTES DE SALCEDO, LOURIZÁN E SAN XULIÁN CON MOTIVO DA INAUGURACIÓN DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

O proxecto dos Sete Camiños é unha iniciativa das Comunidades de Montes de Lourizán, Salcedo e San Xulián para a creación dun espazo natural e arqueolóxico nesta zona, a contorna dos Sete Camiños, onde os montes comunais das tres parroquias se xuntan.

Trátase dun proxecto de base, que nacera en 2004 e que durante máis de dez anos foi aglutinando vontades de persoas e de entidades sociais para, finalmente, materializarse en 2015 co apoio explícito de máis de 20 colectivos; un dato que reflicte o gran respaldo social co que conta.

Desta maneira, as tres comunidades de montes reafirman a súa aposta por un modelo de xestión baseado no carácter multidisciplinar do monte, co uso social como un dos seus piares fundamentais; no que xoga un papel destacado a posta en valor do patrimonio cultural que albergan os montes.

No contexto actual, e sobre todo neste caso, os montes veciñais de Marín e de Pontevedra deben actuar como montes periurbáns, permitíndolle á veciñanza das dúas vilas -e de toda a comarca- gozar de lugares coma este, para o esparcemento e o lecer.

Non é a primeira vez que unha comunidade de montes inviste no patrimonio arqueolóxico; mais representa un caso único o feito de que tres comunidades de montes, de concellos diferentes, se poñan de acordo para impulsar un proxecto destas características, por si mesmas, sen axudas públicas, nin a proposta dunha Administración.

Neste sentido, a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños representa que as comunidades de montes acadan a maioría de idade: un cambio de mentalidade no que se refire á súa responsabilidade de cara á conservación do patrimonio arqueolóxico, como propietarias dos terreos.

Por ser un exemplo paradigmático de proxecto de base, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños xa representa un referente a nivel galego.

A iniciativa ten dúas fases: unha primeira, que se inaugura de forma inmediata, consistente na creación dunha páxina web (www.setecamiños.com) e na sinalización da Ruta Arqueolóxica dos Sete Camiños, xunto cos elementos que integran o espazo.

Na segunda fase, cada comunidade de montes procederá á posta en valor dos elementos situados nos seus terreos, segundo os prazos e os medios que considere oportunos. Tamén está prevista a conexión do Espazo co Lago de Castiñeiras.

A empresa A Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio -cuxo orzamento foi seleccionado entre máis de media ducia de propostas- traballou durante os últimos meses no deseño e na instalación da sinaléctica dos elementos patrimoniais que conforman o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e do roteiro que o artella. En total foron colocados 30 postes con 51 sinais e 12 paneis explicativos, que inclúen códigos QR para poder descargar as fichas dos xacementos e as audioguías, ademais de 4 paneis en cada unha das entradas ao Espazo -Pornedo, Catadoiro, Pardecelas e A Armada- que se habilitaron.

O deseño e a publicación dun tríptico informativo, dunha guía-catálogo e da páxina web complementan os traballos de creación e de posta en valor do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. En total, editáronse 5.000 exemplares do tríptico e 1.500 da guía-catálogo, que se repartiran en diferentes puntos: oficinas de turismo, así como locais sociais e establecementos comerciais de Pontevedra e de Marín. A páxina web, cun atractivo deseño e cunha ampla información do patrimonio natural, arqueolóxico e inmaterial dos Sete Camiños, permite ademais descargar os mapas do Espazo, as fichas dos xacementos arqueolóxicos, as audioguías, etc.

Este proxecto foi posible grazas á vontade e á financiación das Comunidades de Montes de Lourizán, Salcedo e San Xulián, que organizaron para este domingo 7 de xuño unha andaina conxunta de inauguración, á que está convidada toda a cidadanía.

As Comunidades de Montes de Salcedo, Lourizán e San Xulián están orgullosas de crear este novo espazo para o lecer e o goce dos veciños e das veciñas das bisbarras de Pontevedra e do Morrazo; de Galicia enteira. Por iso, a inauguración está enfocada como unha festa da cidadanía, pois ao fin e ao cabo, este proxecto foi feito por e para a cidadanía.

roteiro1

diario de pontevedra

Diario de Pontevedra

Fotografías do autor e cortesía da A.C. Monte Pituco e Lukas Santiago.

CRÓNICA XORNALÍSTICA DA INAUGURACIÓN DOS SETE CAMIÑOS

Posted on 10 Xuño 2015 by asombradebouzapanda

11402765_1076600879035708_1667630955595726334_o

O pasado domingo inauguramos o “Espazo natural e Artqueolóxico dos Sete Camiños” cunha multitudinaria andaina na que visitamos algúns dos elementos arqueolóxicos, etnográfcios e naturais máis senlleiros deste espazo. A verdade é que non podemos estar máis contentos, tanto pola grande afluenza de xente que se quixo unir a esta celebración como polo feito de ver consumado un soño no que viñamos traballandfo e loitando os últimos anos. Dende aquí o meu agradecemento a todos aqueles que nos acompañaron na andaina do pasado domingo  e a todos os que durante estes anos apoiaron este proxecto.

8xun15_lavoz_inaug-7camic3b1os

8xun15_diario_inaug-7camic3b1os

8xun15_faro_inaug-7camic3b1os

10382162_941194222581343_1237375927109389473_n

10325160_941194529247979_8636656940456381479_n

100_2960

11357080_1044557988905879_5825393236267375150_o

11055362_1044558008905877_5723729492176283036_o

Fotos cortesía da A.C y web Monte Pituco

A LUZ DOS SETE CAMIÑOS
Posted on 20 Setembro 2010 by asombradebouzapanda

https://asombradebouzapanda.files.wordpress.com/2010/09/p1010253-copia.jpg?w=468&h=624


Hai un tempo recuperei dunha antiga gravación de campo realizada polo investigador José Ángel Rodríguez nas parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán unha interesante lenda asociada ó entorno do cruce dos Sete Camiños, cruzamento de camiños nos montes lindeiros entre o concello de Pontevedra e Marín. A lenda, si é que é lenda, falaba de misteriosas luminarias, de esferas de luz que se deixaban ver polas inmediacións deste cruzamento. As xentes falaban da luz dos Sete Camiños, unha misteriosa luminaria que adoitaba verse de noite nesta zona. A luz aparecía de súpeto e se desplazaba en liña recta sobre o horizonte. Chegado a un punto daba a volta e emprendía o camiño oposto. Moitos veciños, vencendo o seu medo, subían ata alá para ser testemuños de tal fenómeno. Para algúns era cousa doutro mundo ou mesmo da Santa Compaña, pero non faltaba quen relacionaba esta misteriosa luz cos contrabandistas que por aquela época da posguerra frecuentaban estes montes. Din que coa chegada do cuartel de Figueirido e a presencia do exército esta luz foi desaparecendo pero ata ben pouco aínda quedaban vellos que aseguraban tela visto.

https://asombradebouzapanda.files.wordpress.com/2010/09/02-copia.jpg?w=468